← Table of contents
The Oxford book of Portuguese verse

ROSALÍA DE CASTRO

Reading edition

1837-1885

206. Imaxes

Tal com’ as nubes que leva o vento, e agora asombran e agora alegran os espaços inmensos do ceo; así as ideas loucas qu’eu teno, as imaxes de múltiples formas, d’ extrañas feituras, de cores incertos, agora asombran, agora acraran o fondo sin fondo do meu pensamento.

207. Nubes

Cal as nubes n’ o espaço sin límites errantes voltexan! Unhas son brancas, outras son negras; unhas pombas sin fel me parecen, despiden outras luz de centela. Sopran ventos contrarios n’ altura e á desbandada van levándoas sin orden nin tino, nin eu sei pra onde, nin sei por qué causa: van levándoas, cal levan os anos os nosos ensoños e a nosa esperanza.

208. Airiños, airiños aires

Airiños, airiños aires, airiños, da miña terra, airiños, airiños aires, airiños, levaime a ela! Sin ela vivir non podo, non podo vivir contenta, qu’ aonde queira que vaya cróbeme unha sombra espesa; cróbeme unha espesa nube tal preñada de tormentas, tal de soidás preñada, qu’ a miña vida envenena. Levaime, levaime, airiños, com’ unha folliña seca, que seca tamén me puxo a calentura que queima. Ay, si non me levás pronto, airiños da miña terra, si non me levás, airiños, quisais xa non me conesan, qu’ a frebe que de min come vaime consumindo lenta e no meu coraçonciño tamén traidora se ceiba. Fun n’ outro tempo encarnada com’ a color da sireixa: son oxe descolorida com’ os cirios das igrexas, cal si unha meiga chuchona a miña sangre bebera. Voume quedando muchiña com’ unha rosa qu’ inverna, voume sin forças quedando, voume quedando morena cal unha mouriña moura, filla de moura ralea. Levaime, levaime, airiños, levaime adonde m’ esperan unha nai que por min chora, un pai que sin min n’ alenta, un hirman por quem daría a sangre d’ as miñas venas, e un amoriño a quen alma e vida lle prometera. Si pronto non me levades, ay, morrerei de tristeza, soya n’ unha terra extraña, dond’ extraña m’ alomean, donde todo canto miro todo me dic’: extranxeira. Ay miña probe casiña! Ay miña vaca bermella! Años que valás nos montes, pombas qu’ arrulás nas eiras, mozos qu’ atruxás bailando, redobre d’ as castañetas, xas-co-rras-chás d’ as cunchiñas, xurre-xurre d’ as pandeiras, tambor de tamborileiro, gaitiña, gaita gallega, xa non m’ alegras dicindo: muiñeira, muiñeira! Ay, quen fora paxariño de leves alas ligeiras! Ay, con que prisa voara, toliña de tan contenta, para cantar a alborada nos campos da miña terra! Agora mesmo partira, partira com’ unha frecha, sin medo ás sombras da noite, sin medo da noite negra; e que chovera ou ventara, e que ventara ou chovera, voaría e voaría hastra que alcansase a vela. Pero non son paxariño, e irei morrendo de pena, xa en lágrimas convertida, xa en suspiriños desfeita. Doces galleguiños aires, quitadoiriños de penas, encantadores d’ as auguas amantes d’ as arboredas, musica d’ as verdes canas, do millo d’ as nosas veigas, alegres compañeiriños, run-run de toda-las festas, levaime nas vosas alas com’ unha folliña seca. Non permitás que aquí morra, airiños da miña terra, qu’ ainda penso que de morta ei de sospirar por ela. Ainda penso, airiños aires, que dimpois que morta sea e aló po-lo camposanto, dond’ enterrada me teñan, pasés na calada noite runxindo antr’ a folla seca, ou murmuxando medrosos antr’ as brancas calaveras, inda dimpois de mortiña, airiños da miña terra, eivos de berrar: Airiños, airiños, levaime a ela!

Explore with AITake your curiosity a little further.

Reading settings