EDUARDO PONDAL
Reading edition
1835-1917
204. A Campana d’ Anllons
Campanas de Bastabales, cando vos oyo tocar mórrome de soledades. Cantiga popular E ti, campana d’ Anllons, que roucamente tocando derramas nos corazons un bálsamo triste e brando de pasadas ilusions; Alá nos pasados ventos, primeiros da miña vida, ouzo os teus vagos concentos, reló dos tristes momentos da miña patria querida. Cantas veces te lembrou o que marchou para a guerra cando á sua nai deixou e partindo á estraña terra de suidades chorou! Cantas do mar africano, cautivo bergantiñan, oío n’ un sono tirano o teu tocar soberano, aló nas tardes do vran! Cando te sinto tocar, campana d’ Anllons, doente, n’ unha noite de luar, rompo triste a salayar por causas d’ un mal ausente. Cando doida tocabas po-las tardes á oración, campana, sempre falabas palabras con que cortabas as cordas do corazón. Estabas contando aos ventos cousas do meu mal presente, os meus futuros tormentos, que dabas con sentimentos, segun tocabas doente. Campana, se po-lo vran ves lumiar na Ponte-Ceso a cachela de San Xoan, dille á todos que estou preso nos calabozos d’ Orán. E á aquela rula inocente que me morria d’ amor no regazo docemente, tremando como unha fror sobre escondida corrente, diráslle que unha de ferro arrastro rouca cadea, castigo atroz do meu erro; e que dentro d’ este encerro o seu amor me alumea. E ti, anduriña errante dos longos campos d’ Arxel, se á miña patria distante te leva o voxo constante, dille o meu penar cruel. Se alguen por min preguntar, dille que estou en prisions; e unha noite de luar iráste unha vez pousar no campanario d’ Anllons. Así triste en terra allea, aló nas prisions d’ Orán, cantaba un mozo d’ aldea; e nos grillons da cadea levaba o compás co’ a man. O nai da miña vida, adiós; adiós meu pai; prenda de min querida, adiós, Ó miña nai; sombra dos meus abós, río da Ponte-Ceso, pinal de Tella espeso, acordávos d’ un preso como él o fai de vos; campana d’ Anllons, noites de luar, lua que te pós detrás do pinar; adiós ... adióos ... adióoos.
205. Retorno d’ as Anduriñas
Das africanas prayas veciñas, como costuman, ó lar amado virán un dia. Verán a casa tan doce e íntima õ pé dos pinos escurecida, e morándoa unhas gentes estrañas, hirtas e esquivas. Mais logo erguendo seu voxo axiña darán mil rápidas voltas compridas, e emprenderán con pungidas lembranzas triste partida.