← Table of contents
Catecismo d'a Doutrina Labrega

TERCEIRA PARTE EN QUE SE DECRARA O QUE S'HA D'OBRAR.

Reading edition

Xa vimos o que habedes de creer e pidir; vexamos agora como sabedes o que habedes d'obrar; dicide: ¿Cal é o pirmeiro mandamento?

R.--Amar á Dios sobre todal-as cousas.

P.--¿A qué nos obriga este mandamento?

R.--Á adouralo e creer n-él e non desconfiar por moitos males que nos sucedan, pois xa sabemos que n-este mundo ten que haber de todo, bó e malo; de maneira que si hay raposos que nos leven as galiñas, tamen hay bois que nos axudan á labrar os eidos; si temos lobos que nos coman as ovellas, hay tamen cás que nos garden a facenda; si criamos porcos n-o cortello, non faltan aduanantes que conten por adiantado c'os seus perniles; si temos fillos que dos axuden, non faltan reises qu'os leven pro seu servicio; si dispomos de viño pra quentar o estómago, tamen hay filoxera qu'estraga as viñas. Por eso debemos folgarnos d'o bó, levar con pacencia o malo, e Dios sobre todo.

P.--¿Cal é o segundo?

R.--Nou xurar en vano.

P.--¿Quén peca contra esto?

R.--Os que relaxados pol-as que lles fan xuran e rexuran tomal-a xusticia pol-a mau, queimando palleiros, decotando cepas, arrasando labradíos, botando herba d'os ratos n-os currales d'os vecinos, armándose de moca pra lle meter co-ela as razós n-a cachola ô contrario e facendo outras cativeces d'este xeito; os que por unha poya de pau e tres netos de viño sirven de testigos falsos n-os preitos e n-as causas criminales; os que botan sapos e cobras pol-a boca á calquera contratempo que teñan; os que xuran acabar c'os bês d'o vecino, levados pol-a xeureira; y-os que por botarse de valentes non din tres palabras arreo sin misturar entr'elas unha porcallada.

P.--¿Cómo se xura en falso?

R.--De calquer maneira, porque non hay cousa mais fácele n-o país. Todal-as aldeas contan con picapreitos estrapexantes que poñen escola de testigos falsos, namentras as outras están pechadas. Por unha picallada e sin escrúpulos de concencia botan á presidio á calquer home de ben; por un par de pesetas non falta quen co-a man en cruz xure, que viu pol-os seus ollos, y-así Diol-o salve, voar os burros, vestidos de gardas civís os mosquitos, tirar d'un carro dous porcos e cantar misa unha ovella, ou facer un Alcalde boas obras.

P.--¿Cal é o terceiro?

R.--Santificar as festas.

P.--¿Quén peca contra esto?

R.--Todol-os labregos, porque ainda que oyamos a misa non podemos gardar a festa, pol-a mor de tornar a auga d'os lameiros, d'arrecadar o gando, de dar de comer ôs porcos, de levar o grau ô muiño, e outras angueiras que non teñen agarda.

P.--¿Cal é o coarto?

R.--Honrar pai e nai.

P.--¿E qu'entendedes por eso?

R.--Darlle á nosos pâis a millor vida que podemos, namentras non chegamos á herdalos.

P.--¿Qué mais obrigaciós hay n-este mandamento?

R.--As d'os superiores c'os inferiores y-as d'os pâis c'os fillos.

P.--¿Cómo as cumprides?

R.--Mandand'os fillos â escola pra que non estorben n-a casa cando non temos que lle dar que facer; sacándolle a monteira ôs señores cand'os atopamos n-os camiños e facéndolle a figa por detrás; entrando co-a orella gacha n-a casa d'os que mandan pra sair d'ela botando rayos e centellas.

P.--¿Cál é o quinto?

R.--Non matar.

P.--¿Quén peca contra él?

R.--Nosoutros non señor, pois, por non matar, nin xiquera matamos a fame.

P.--¿Cal é o sesto?

R.--Non fornicar.

P.--¿Quén peca contra este mandamento?

R.--Vellos e mozos todos puxemos n-él as nosas maus. Pecan as mozas churrusqueiras que lle chiscan os ollos ôs mozos n-as romarias; os rapaces que andan de noite ô sarau rondándolle a porta âs nenas; as parexas que se perden entr'os centeos botando de perda o fruto; os que ventando unha muller escarramelan os ollos y-ensinan os dentes com'os burros; os que lle van á facer coxigas as muiñeiras y-as fan bulir mais qu'o rodicio, saindo dempois todos enfariñados; os que apagan o candil n-os fiadeiros pr'andar as apalpadelas; os que véndos' entre mulleres non poden ter as maus quedas, os que bailan o agarradiño n-os turreiros pra s'agarraren sin bailar n-as carballeiras; os que dando palabras de casamento non fan mais qu'as obras; os que ô volver d'as festas acompañados non chegan hastra media noite â casa; e pra dicilo d'unha vez todol-os que gastan calzós e monteira ou dengu'e muradana.

P.--¿Cal é o séutimo?

R.--Non furtar.

P.--¿Quén peca contra este mandamento?

R.--Os que non contentándose c'o que Dios lles dou precuran apanar o alleo; os que andan co-as maus n-o pote d'o persupuesto; os d'a curia que fan letras coma garabanzos porque cobran por pregos os seus dereitos; os xastres que nos piden unha vara de pano pra facer unha monteira; os que se gobernan desgobernando; os médecos que con unturas d'ouro inutilízannos os fillos pr'o servicio d'o rei; os tendeiros que pesan co-a romana d'o demo, a miden c'unha vara pol-o xeito d'a d'a xusticia; os empregados que non teñen tempo pra despachar os nosos asuntos porque todo él lles é pouco pra fumar cigarros e falar mal d'o Goberno; os que nos espremen o xugo finxindo que nos protexen; os que non-os fan ningun servicio non andando diñeiro por diante; os usureiros qu' encabalan os rédetos; y-outros moitos que fora largo contar, porque o mundo está cheo de gatos que andan sempre á caza d'os probes ratiños d'aldea.

P.--¿Cal é o outavo?

R.--Non levantar falso testimonio nin mintir.

P.--¿Quén peca contra este mandamento?

R.--Os diputados que dín n-o Congreso qu'o país adianta e que o Goberno traballa por millorar a moura sorte d'os labregos; os partidos políticos que aseguran que contan co-as simpatías d'o país; os que casándose con muller rica, fea e vella sosteñen que se casaron namorados; os que á todal-as mozas lle dan palabra de casamento; a muller qu'ôs vinte anos dí, en certos casos, que n-a sua vida outra lle pasou; o Abogado que lle dí á unha litigante que non lle cabe direito e logo resulta o contrario; o Médeco que consultando a ama d'un crego lle dí que non ten cura; o sancristan que pide pr'as Anemas; e todos nosoutros que âs veces esquecemos a verdá.

P.--¿Cal é o noveno?

R.--Non cobizar a muller d'o veciño.

P.--¿E pecades contra ese mandamento?

R.--Segun sea ela, señor.

P.--¿Cal é o décimo?

R.--Non cobizar os bés alleos.

P.--¿Quén peca contra eso?

R.--Todol-os labregos porque non hay un que non poña os ollos n-as leiras d'o vecino.

OS MANDAMENTOS D'A IGRESIA LABREGA SON CINCO.

O primeiro oir como nos aldraxan os que mandan, como quen oye chover.

O segundo mudar de camisa unha vez ô ano, ou denantes si teñen qu'enterralo á un.

O terceiro comulgar con rodas de muiño.

O carto aunar por boas ou por malas.

O quinto pagar por todo e pra todo, e pagalas todas.

P.--¿O primeiro á quen obriga?

R.--A todol-os que teñen algo que perder, pois si nos repoñemos sainos pior a conta.

P.--¿Y-o segundo?

R.--Obríganos á todos anque as veces se nos esqueza o cumprilo.

P.--Vind'ô terceiro ¿cómo se comulga con rodas de muiño?

R.--Vendo como nos quitan a razon en todalas cousas, e tendo que nos conformar c'o que veña; deixándonos engrolar por todol-os baduantes, por non saber que opoñerlles; pagar o sasenta por cento á un usureiro e oirlle dicir que ainda nos axuda; indo á votar âs urnias sabendo qu'é coma si non foramos; e pr'acabar d'unha vez, deixándonos levar pol-o últemo que chega.

P.--¿A quén obriga o coarto mandamento?

R.--A todol-os labregos dendesde que nacen hastra que morren.

P.--¿Por qué?

R.--Porque cando non hay que levar â boca é forzoso o auno; que anque dicen que hay n-o mundo pan d'abondo pra todos, a verdá é que poucas veces chega â nosa boca, y-eso de millo, resésego e ben tasado.

P.--¿Cómo aunan os labregos antes de ter uso de razon?

R.--O mesmo que despois: á traspaso.

P.--¿A quén obriga o quinto mandamento?

R.--Non hay quen s'escape d'él.

P.--¿Con qué pagades por todo?

R.--C'os nosos cartiños e c'o noso lombo.

P.--¿E con que as pagades todas?

R.--C'o noso lombo e c'os nosos cartiños.

P.--¿E que pagades?

R.--Os trabucos y-as falcatruadas que fan outros.

P.--¿Qué son trabucos?

R.--As contribuciós, padre; vostede seica non é d'a terra.

P.--¿E por qué lle chamades trabucos?

R.--Porque é unha cousa que hay que pagar anque un non queira y-anque non teña con qué, pois d'outro xeito embárgannos o pouco que temos; de maneira que nos fan ciscar as cadelas o mesmo que si nos puxesen un trabuco ô peito.

AS OBRAS DE MISERICORDIA SON CATORCE, AS SETE ESPRITUALES Y-AS SETE CORPORALES.

As esprituales son estas:

A primeira ensinar ô que non sabe librarse d'as gayolas qu'á miudo nos arman.

A segunda dar bós consellos ôs qu'están pra cair.

A terceira correxir ôs que non ven por onde camiñan.

A coarta perdoar as inxurias hastra que un poida facer o seu xenio.

A quinta consolar âs mulleres d'os qu'emigran pr'as Amérecas.

A sesta sofrir con pacencia, namentras non haxa outro remedio, as fraquezas e malas ideas d'os que mandan.

A séutima rogar á Dios pol-os nosos alcaldes difuntos.

As corporales son estas:

A primeira visitar as bodegas d'os veciños.

A segunda ensinarlle o camíño d'a taberna ôs que teñen fame, e deixarse ir si convidan.

A terceira ensinarllo o camiño d'a fonte ôs que teñen sede.

A coarta redimirnos cando chegue o caso.

A quinta mandar ô xastre os que non teñen cirigolas.

A sesta dar pousada ô pelegrino sí ten con que pagar.

A séutima levantar mortos.

Explore with AITake your curiosity a little further.

Reading settings