← Table of contents
Catecismo d'a Doutrina Labrega

SEGUNDA PARTE EN QUE SE DECRARA O QUE S'HA DE PIDIR.

Reading edition

Xa vimos como sabedes o que se ha de creer: veñámos ô segundo qu'é o que s'ha de pidir. D'as oraciós qoe rezades cal é a que mais vos gusta?

R.--O Padre nuestro.

P.--¿Por qué?

R.--Porque ten sete peticiós, que son poucas pra nosoutros, pois temos moito que pidir.

P.--¿Cales son?

R.--A primeira é: Santificado sea o teu nome.

P.--¿Qué pidides n-esa peticion?

R.--Que lauden á Dios, o mesmo que nosoutros, aqueles que solo s'acordan d'él cando fan á carantoña, e pasan a vida facéndonos falcatruas.

P.--¿Cal é a segunda?

R.--Veña á nos o teu reino.

P.--¿Quén pide eso?

R.--Aqueles que se dormen n-as pallas mentras nosoutros adoecemos á traballar; os que fan política n-as aldeas pra encher o bandullo; os que maxinan que todal-as cousas d'o mundo se fixeron pra eles e arrapañan c'o seu e c'o d'os veciños; os que pra vivir agardan que lles cayan n-o papo pás cocidos d'o ceo; y-os que sin traballar nin teren rentas viven fidalgamente.

P.--¿E vosoutros pedides o mesmo?

R.--Nosoutros pedimos o reino de Dios porque o d'este mundo anda en maus de catro galafates.

P.--¿Cal é a terceira?

R.--Fágase á tua vontade así n-a terra como n-o ceo.

P.--¿Qué pidides ahí?

R.--Pidimos que Dios veña á gobernar este cotarro qu'anda levado d'o demo.

P.--¿Cal é a coarta?

R.--O pan noso de cada dia dánolo hoxe.

P.--¿Qué pidides n-esa piticion?

R.--¡E vosté non-o vé santiño! Pidimos pan pra levar â boca, xa que pra nosoutros ou anda pol-as nubes, ou está pechado con cerrollo n-as tullas d'os vinculeiros. Pidimos algo que comer xa que traballamos como negros. Pidimos pan pra manter os fillos que nol-o piden en coiro e co-as manciñas direitas. E non é moito pidir pan, xa que o compango é pr'os que poden.

P.--¿Cal é a quinta?

R.--Perdónanos nosas deudas así como nosoutros perdoamos ôs nosos deudores.

P.--¿Qué pidides ahí?

R.--O que non-os han dar nunca: pois inda ben non lle debemos un peso á calquera xa temos o ministro â porta co-a demanda. Os nosos deudores ben perdoados están porque ninguen nos debe nin un chavo.

P.--¿Cal é a sesta?

R.--Non-os deixes cair n-a tentacion.

P.--¿E co-eso qué pidides?

R.--Que Dios nos teña d'a sua mau e que nos coute ben, porque tanto mallan en nós, e tales cousas nos fan, e tan amoladiños andamos, que si nos deixamos levar pol-o xénio e caimos n-unha mala tentacion, o dia que menos se pense non quedan nin os ratos n-Alcaldía.

P.--¿Cal é a séutima?

R.--Mais líbranos de mal.

P.--¿E n-eso que pidides?

R.--Que nos quite Dios d'entre as uñas d'esta xentiña que non fai nada que pra ben sea.

P.--¿Qué quere dicir a palabra Amen?

R.--É unha cousa que os que mandan nos fan dicir á todo.

P.--Cando dicides ¡Ave-Maria! con quén falades?

R.--C'o repartidor de consumos cando nos dí a cota que se nos impuxo; c'o veciño que nos ven pidir unha peseta emprestada pra sair d'un apuro; c'o Alcalde que nos aconsella que votemos o candidato d'o Goberno pormeténdonos montes e moreas; c'o médeco que nos pide mais de dous ferrados de centeo pol-avinza; c'o escribao cando nos notifica a tasa d'as costas d'o últemo preito, e c'o señor Abade que nos dí que debemos aunar n-a Coresma, esquecéndose de que aunamos á traspaso o ano enteiro.

P.--¿Pra qué son os ánxeles?

R.--Pra gardarnos.

P.--¿Logo os labregos tendes ánxeles que vos garden?

R.--Sí padre, pro âs veces parece que se dormen, á xuzgar pol-o desamparo en que nos deixan.

Explore with AITake your curiosity a little further.

Reading settings