← Table of contents
Catecismo d'a Doutrina Labrega

PRIMEIRA PARTE EN QUE SE DECRARA O CREDO Y-OS ARTÍCOLOS.

Reading edition

P.--Escomenzando pol-o primeiro: ¿quén dixo o credo?

R.--Os Apóstoles.

P.--¿Pra qué?

R.--Pra qu'andemos de cote co-él n-a boca.

P.--¿E vos pra qu'o decides?

R.--Pra que Dios nos teña d'a sua mau, que boa falta nos fai.

P.--¿Qué cousa é fé?

R.--Creer o que non vimos.

P.--¿Vistes as moedas de cinco pesos?

R.--Non, padre.

P.--¿Y-os billetes de Banco de cen pesetas?

R.--Non, padre.

P.--¿E creendes n-eles?

R.--O qu'é creer, creemos.

P.--¿Por qué o creedes?

R.--Porque ouvimos falar d'eles ôs ricos; porque sabemos que os nosos cartiños vanse xuntando n-as faltriqueiras d'os zumezugas de todal-as castas, pra se convertir en moedas e billetes; porque dos deprocatamos de que â conta d'eles medran, trunfan e campan os que s'alcontran n-o poleiro.

P.--¿Qué cousas son as que creedes como labregos?

R.--Os artícolos, principalmente como se conteñen n-o credo.

P.--¿Pra que son os artícolos?

R.--Pra dar noticia d'os dioses d'a nosa aldea.

P.--¿Quén son esos dioses?

R.--O Alcalde noso señor, o Sacretario noso amo, y-o Cacique noso dono.

P.--¿Quén é o Alcalde noso señor?

R.--É a cousa mais condanada que se pode decir nin pensar: un señor infinitamente malo, burro, larpeiro, inxusto, prencipio de todal-as nosas disgracias e fin de todal-as nosas facendas.

P.--¿A condanadísima trinidá quen é?

R.--É o mesmo Alcalde, o mesmo Sacretario y-o mesmo Cacique, tres persoas distintas e unha sola calamidá verdadeira.

P.--¿O Alcalde é dios?

R.--E si señor.

P.--¿O Sacretario é dios?

R.--Ogallá non-o fora.

P.--¿O Cacique é dios?

R.--Así él adoecera com'o é.

P.--O Alcalde é o Sacretario?

R.--Non señor.

P.--O Sacretario é Alcalde?

R.--Às veces

P.--O cacique é Alcalde ou Sacretario?

R.--Si non-o é, como si o fora.

P.--¿Por qué?

R.--Porque si as persoas son distintas, vólvense unha sola cando se trata de mallar en nos, de zugarnos a sangue, ou d'espremernos a faltriqueira.

P.--E logo cántas naturezas, entendementos e voluntás hay n-eses dioses?

R.--Naturezas duas, unha de lobo e outra de porco; entendementos, ningun; voluntás, a d'o Gobernador, a d'o diputado, a d'o Xuez y-as suas malas voluntás.

P.--¿Como é dios o Alcalde?

R.--Mintindo unha infruencia que non ten, agarapiñando votos n-as urnias, sacándolle a monteira e facéndolle retesías ôs que mandan, asoballand'ôs que ten baixo de sí, recollend'os xamós d'as nosas chouzas e partíndoos c'os manates d'a vila, sacando cartos ôs quintos cando se tercia pra seren os promeiros en riqueza e os últemos n-o reparto de consumos, armándolle a gayola ôs que non son d'a sua corda, repartind'os destinos d'o Concello entr'a xente d'a familia, lobos d'a camada y-os que se deixan ver por adiantado, estrapexando n-a política com'os esgarabellos n-a bola, e facendo en fin cantas falcatruas se lle veñen ás mentes pra conservar o mandiño.

P.--¿Cómo é criador?

R.--Porque saca ôs diputados y-ôs rexidores d'a nada.

P.--¿Pra que criou Dios o labrego?

R.--Pra servir ô Alcalde e morrer de fame n-esta vida e si cadra vivir ardendo n-a outra.

P.--¿Ten o Alcalde figura corporal como nosoutros?

R.--Eso din, anque pra nosoutros é como si víramos ô demo.

P.--¿Quén é o Sacretario?

R.--É unha feitura d'o señor Alcalde, tan bó como él, e que se fixo Sacretario pra nos reventar e darnos mal exempro.

P.--¿Cantas naturezas, voluntás y entendementos hay n-o Sacretario?

R.--Naturezas, unha sola y-abonda; voluntás, a sua y-a de todol-os que ten por enriba, y-entendementos, s'algun ten, mais valera que non-o tivese.

P.--¿E cantas persoas e memorias?

R.--Unha sola persoa con moitas caras, e memoria a bastante pr'acordarse d'o que lle ten conta.

P.--¿Qué quere dicir Sacretario?

R.--Acabador.

P.--¿De qué?

R.--D'a nosa pacencia e d'os nosos cartos.

P.--¿Como foi concebido o Sacretario?

R.--Obrando o Alcalde y-o Cacique contra-natura e milagreiramente.

P.--¿Por qué dicides contra-natura e milagreiramente?

R.--Porque o Sacretario non foi concebido nin naceu com'os demáis homes.

P.--¿Pois como s'obrou o misterio d'a conceucion d'o Sacretario?

R.--N-a mala idea d'o señor Alcalde meteu o cacique o pensamento de que pr'acabar c'o país era perciso un home de sangue moura, malas entranas e piores feitos; por un sopro d'o demo saliu un corpo com'o deseaban, uníronlle un alma atravesada, firmaron o nombramento, y-o que dinantes era solamentres home quedou feito Sacretario.

P.--¿E cómo naceu milagreiramente?

R.--Saindo d'a cabeza d'o Alcalde sin detrimento d'a sua brutalidá, á maneira que sai un preso d'a Cárce-Modelo sin romper reixas nin portas.

P.--¿Por qué quixo ser Sacretario?

R.--Pra facer a vida d'o labrego un inferno.

P.--¿Qué entendedes por inferno?

R.--A aldea en que viven os labregos.

P.--¿Pois cantos infernos hay?

R.--O inferno d'os que pagan trabucos e rendas, e non teñen pan que levar â boca; o purgatorio d'os que van ô servicio d'o rey, vendo quedar os fillos d'os ricos n-a sua casa; o limbo d'os nenos onde s'alcontran os que fan o aprendizaxe de labregos, descalzos de pé e perna, esfarrapados, acoradiños de fame, arrecadand'o gando n-a chousa, y-a leña n-o monte e sin ver xiquera unha letra d'a cartilla d'os Cristos; y-o limbo d'os xustos, onde viven os alpabardas que cren n-as padricaciós d'os políticos, n-as palabras d'os diputados, n-a proteucion d'o Goberno, en que han de sair campantes d'os seus atolladeiros sin untar o carro, y-en que lles han de facer xusticia tendo solasmentres razon: xente a mais filiz de todas porque cree qu'abonda traballar pra comer.

P.--¿Qué cousa é estar sentado â direita d'o señor Alcalde?

R.--Ter cuasementes o seu anaquiño de mando, poder turrar d'a corda pr'os amigos, facer toda caste de falcatruas ôs contrarios, remexer n-as trecolas d'o Concello, e sacarlle sustancia á todol-os nagocios que lle pasan pol-a mau.

P.--¿Qué creedes cando decides que hay Concello?

R.--Que hay alí unha dúcia de lampantís d'os que non se pode agardar nada bó: xente que cando se xunta non pensa mais que en espremernos o xugo, en sacarnos os cartos d'os consumos y-os fillos pr'a guerra; en facernos traballar por prestacion n-os camiños que van direitos âs suas casas; en quitarnos o voto e darnos a cédula persoal; esprítos malinos que lle fan mal de ollo âs pitas d'o noso corral y ôs porcos d'o noso cortello; que cando s'axuntan é o mesmo que si s'escornaran duas nubes de pedrisco sobr'os nosos eidos, e cando se soparan e pasan por diante de nos hay que facerlles a cruz com'ô demo e sacarlles a monteira com'ôs fidalgos.

P.--¿Ademáis d'o que levades dito, creedes outras cousas?

R.--Sí padre, porque tod'o que se dí d'esa xentiña é pouco.

P.--¿Qué cousas son esas?

R.--Eso non m'o preguntedes á min que non podrei contestalo por mor d'a curia que, com'o zorro e'as galiñas, ándanos ganando as voltas pra poñernos â sombra.

M.--Facendes ben en calarvos, porqu'en boca pecha non entran moscas, y-ô bó calar chámanlle labrego.

Explore with AITake your curiosity a little further.

Reading settings