DIVISION D'A DOUTRINA LABREGA
Reading edition
P.--Xa vimos como sodes labrego, como estades acabadiños pol-o nome e pola fame de labrego, mais decíndeme agora ¿Cantas cousas está obrigado á saber y-entender o labrego cando chega á ter uso de razon?
R.--Catro cousas.
P.--¿Cales son?
R.--Saber o que se deixa de comer, saber o que ten que traballar, esquecerse d'o que ten que pagar e non coidarse d'o que ten que recibir.
P.--¿Como saberá o que deixa de comer?
R.--Facendo recordo d'as larotas que se pasan n-a sua chouza; estabrecendo comparanzas entr'os manates de bandullo á xeito de bombo, mofretes infrados, rexos e ben mantidos que se pasean, y-entr'os labradores que andan pol-as carrilleiras e congostras como almas en pena, esvaidos, fracos, esfamiados, pensando n-o pan que non lles ven âs maus e n-os cartiños que fuxen d'eles como d'a queima; botándolle olladas degorantes ôs aparadores d'os almacés onde se vende xamon, salchichós, polos asados, perdices, dulces, conservas, queixos e outros manxares apetecentes; pensando n-as veces que pol-o dia adiante se ll'abre á un a boca e se lle vay o estómago xa canso de non dixerir mais que patacas cando as hay pra comelas en cachelos, e sin sal moitas veces pra seren gallegas enxebres sin gracia, pois maldito si gracia teñen nin xiquera ll'a fan ô estómago.
P.--¿Cómo saberá o que ten que traballar?
R.--Vendo que non hay un chavo nin unha cunca de fariña n-a chouza, que o recaudador non dorme, que hay que manter a muller y-ôs fillos, que os que gobernan non fan mais que pidir trabucos, que os que mandan queren ter sempre o comedeiro acugulado, que o persupuesto de gastos é un pozo sin fondo, e que o persupuesto d'ingresos non pasa de ser unha cesta que os estadistas se degoran por encher d'auga, que sin cartos non se pode dar un paso n-este mundo, nin hay xusticia, nin dereito, nin xiquera é un xente, que desque lle chaman á un volo n-o bautismo hastra niquitate n-o enterro, pasando pol-a confirmacion en que nos dan unha lufiada n-a cara, hastr'o matrimonio en que nos xunguen á unha muller pra facer unha xunta de boy e vaca que ha turrar pol-o carro d'a familia, temos que soltar os cartiños d'unha maneira ou d'outra, pois si non é por fás é por nefas.
P.--¿Cómo poderá esquecerse d'o que ten que pagar?
R.--¿Ponéndose bébedo, volvéndose louco, meténdose cen brazas debaixo de terra ou morrendo.
P.--¿Cómo non se coidará d'o que ten que recibir?
R.--Facéndose de conta que ten os osos de goma pra que non lle doan por moito que mallen n-eles, non pasándoselle nin pol-as mentes que ha de recibir cousa que sea de porveito nin que valla diñeiro, porque os labregos, de recibiren, fora d'o ben que lles veña recibindo á Dios, non reciben mais que xiringazos.