← Table of contents
Follas Novas

I

Reading edition

VAGUEDÁS

I

D’aquelas que cantan as pombas y as frores

Todos din que teñen alma de muller,

Pois eu que n’as canto, Virxe d’a Paloma,

¡Ay! ¿de qué’a terei?

II

Ben sei que non hay nada

Novo en baixo d’o ceo,

Qu’antes outros pensaron

As cousas qu’ora eu penso.

E ben, ¿para qu’escribo?

E ben, por qu’así semos,

Relox que repetimos

Eternamente o mesmo.

III

Tal com’as nubes

Qu’impele o vento,

Y agora asombran, y agora alegran

Os espaços inmensos d’o ceo,

Así as ideas

Loucas qu’eu teño

As imaxes de multiples formas

D’estranas feituras, de cores incertos,

Agora asombran,

Agora acraran,

O fondo sin fondo d’o meu pensamento.

IV

Diredes d’estos versos, y é verdade,

Que tên estrana insólita armonía,

Que n’eles as ideas brilan pálidas

Cal errantes muxícas

Qu’estalan por instantes

Que desparecen xiña,

Que s’asomellan â parruma incerta

Que voltexa n’o fondo d’as curtiñas,

Y ó susurro monótono d’os pinos

D’a veira-mar bravía.

Eu direivos tan sô, qu’os meus cantares

Así sân en confuso d’alma miña,

Como sai d’as profundas carballeiras

Ô comezar d’o dia,

Romor que non se sabe

S’é rebuldar d’as brisas,

Si son beixos d’as frores,

S’agrestes, misteirosas armonías

Que n’este mundo triste

O camiño d’o ceu buscan perdidas.

V

¡Follas novas!, risa dame

Ese nome que levás,

Cal s’á un-ha moura ben moura,

Branca ll’oise chamar.

Non Follas novas, ramallo

De toxos e silvas sôs,

Hirtas, com’as miñas penas,

Feras, com’a miña dor.

Sin olido nin frescura,

Bravas magoás e ferís...

¡Se n’a gándara brotades,

Como non serés así!

VI

¿Qué pasa ô redor de min?

¿Qué me pasa qu’eu non sei?

Teño medo d’un-ha cousa

Que vive e que non se vé.

Teño medo â desgracia traidora

Que ven, e que nunca se sabe onde ven.

VII

Alguns din, ¡miña terra!

Din outros, ¡meu cariño!

Y este, ¡miñas lembranzas!

Y aquel, ¡ou meus amigos!

Todos sospiran, todos,

Por algun ben perdido.

Eu sô non digo nada,

Eu sô nunca sospiro,

Qu’o meu corpo de terra

Y o meu cansado esprito,

Á donde quer qu’eu vaya

Van conmigo.

VIII

Alá, po-la alta noite,

 luz d’a triste e moribunda lámpara,

Ou antr’a negra oscuridad medosa,

O vello ve pantasmas.

Uns son árbores muchos, e sin follas,

Outros, fontes sin auguas,

Montes qu’a neve eternamente crube,

Ermos que nunca acaban.

Y o amañecer d’o dia

Cando c’a ultima estrela aqueles marchan

Outros veñen mais tristes e sañudos,

Pois a verdade amarga,

Escrita trân n’os apagados ollos

E n’as asienes calvas.

Non digás nunca, os mozos, que perdeches

A risoña esperanza,

D’o qu’a vivir começa sempr’é amiga:

¡Sô enemiga mortal de quen acaba!...

IX

Paz, paz deseada

Pra min, ¿onde está?

Quixais n’hey de tela...

¡N’a tiben xamais!

Sosego, descanso,

¿Ond’hey d’o atopar?

N’os mals que me matan,

N’a dor que me dan.

¡Paz! ¡paz ti és mentira!

¡Pra min non’a hay!

X

Un-ha vez tiven un cravo

Cravado no corazon,

Y eu non m’acordo xa s’era aquel cravo,

D’ouro, de ferro, ou d’amor.

Soyo sei que me fixo un mal tan fondo,

Que tanto m’atormentou,

Qu’eu dia e noite sin cesar choraba

Cal chorou Madanela n’a pasion.

—Señor, que todo o podedes,

Pedinlle un-ha vez á Dios,

Daime valor par’arrincar d’un golpe

Cravo de tal condicion.

E doumo Dios e arrinqueino,

Mais... ¿quen pensara?... Despois

Xa non sentin mais tormentos

Nin soupen qu’era delor;

Soupen sô, que non sei que me faltaba

En donde o cravo faltou,

E seica, seica tiven soidades

D’aquela pena... ¡Bon Dios!

Este barro mortal qu’envolve o esprito

¡Quen-o entenderá, Señor!...

XI

Cand’un é moi dichoso, moi dichoso,

¡Incomprensibre arcano!

Casi-que, n’é mentira anqu’a pareza,

Ll’a un pesa d’o ser tanto.

¡Que n’o fondo ben fondo d’as entrañas

Hay un deserto páramo!

Que non s’ enche con risas nin contentos,

Senon con froitos d’o delor amargos.

Pero cand’un ten penas

Y é en verdá desdichado,

Oco n’atopa no ferido peito,

Por qu’a dor, ¡enche tanto!

Tan abonda é a desgracia nos seus dones;

Qu’os verte ¡Dios llo pague! ôs regazados.

Hastra qu’o qu’os recibe

¡Ay! reventa de farto.

XII

Oxe ou mañan, ¿quen pode decir cando?

Pero quisais moy logo,

Viranme á despertar, y en vez d’ un vivo,

Atoparán un morto.

Ô rededor de min, levantaranse

Xemidos dolorosos,

Ayes d’angustia, choros d’os meus fillos,

D’os meus filliños orfos.

Y eu sin calor, sin movemento, fria,

Muda, insensibre á todo,

Así estarei cal me deixare a morte

Ô helarme c’o seu sopro.

E para sempre ¡Adios, cant’eu queria!

¡Que terrible abandono!

Antre cantos sarcasmos,

Hay, ha d’haber, e houbo,

Non vin ningun qu’abata mais os vivos,

Qu’o d’a humilde quietú d’un corpo morto.

XIII

Xa nin rencor nin desprezo,

Xa nin temor de mudanzas,

Tan só un-ha sede... un-ha sede,

D’un non sei qué, que me mata.

Rios d’a vida ¿onde estades?

¡Aire! qu’o aire me falta.

—¿Que ves n’ese fondo escuro?

¿Que ves que tembras e calas?

¡Non vexo! Miro, cal mira,

Un cego a luz d’o sol crara.

E vou caer alí en donde

Nunca o que cai se levanta.

XIV

Aquel romor de cántigas e risas

Ir, vir, algarear,

Aquel falar de cousas que pasaron

Y outras que pasarán:

Aquela, en fin, vitalidade inquieta

Xuvenil, tanto mal

Me fixo, que lles dixen:

Ivos e non volvás.

Un á un desfilaron silenciosos

Por aquí, por alá,

Tal como cando as contas d’un rosario

S’espallan po-lo chan:

Y o romor d’os seus pasos, mentres s’iñan

De tal modo hastra min veu resoar,

Que non mais tristemente

Resoará quisais

N’o fondo d’os sepulcros

O último adios qu’un vivo ôs mortos dá.

Y ô fin soya quedei, pero tan soya

Qu’hoxe, d’a mosca o inquieto revoar,

D’o ratiño o roer terco e constante,

E d’o lume o chis chas,

Cando d’a verde pónla

O fresco sugo devorando vay,

Parece que me falan, qu’os entendo,

Que compaña me fan;

Y este meu coraçon lles di tembrando

¡Por Dios!... ¡non vos vayás!

¡Que doce, mais que triste

Tamen é a soledad!

XV

Á un batido, outro batido,

Á un-ha dor, outro delor,

Tras d’un olvido, outro olvido,

Tras d’un amor, outro amor.

Y ô fin de fatiga tanta

E de tan diversa sorte,

A vellés que nos espanta,

Ou o repousar d’a morte.

XVI

Cand’era tempo d’inverno

Pensaba en dond’estarias,

Cand’era tempo de sol,

Pensaba en dond’andarias.

¡Agora... tan soyo penso,

Meu ben, si m’olvidarias!

XVII

Mais vé qu’o meu corazon

É un-ha rosa de cen follas,

Y é cada folla un-ha pena

Que vive apegada n’outra.

Quitas un-ha, quitas duas,

Penas me quedan de sobra,

Oxe dez, mañan corenta,

Desfolla que te desfolla...

¡O corazon m’arrincaras

Des qu’as arrincares todas!

XVIII

Co seu xordo e costante mormorio

Atraim’o oleaxen d’ese mar bravio,

Cal atrai d’as serenas o cantar.

—N’este meu leito misterioso e frio,

Dîme, ven brandamente á descansar.

El namorado está de min... o deño,

Y eu namorada d’el.

Pois saldremos c’o empeño,

Que s’el me chama sin parar, eu teño

Un-has ansias mortais d’apousar n’el.

XIX

Ando buscando meles e frescura

Para os meus labios secos,

Y eu non sei com’atopo, nin por onde,

Queimores e amarguexos.

Ando buscand’almibres qu’almibaren

Estos meus agres versos,

Y eu non sei como, nin por onde, sempre

Se lles atopa un fero.

Y o ceo e Dios ben saben

Non teño a culpa d’eso;

¡Ay! sin querelo, têna,

O lastimado corazon enfermo.

XX

¡SILENCIO!

A man nerviosa e palpitante o seo,

As niebras n’os meus ollos condensadas,

Con un mundo de dudas n’os sentidos

Y-un mundo de tormentos n’as entrañas;

Sentindo como loitan,

En sin igual batalla,

Inmortales deseios que atormentan,

E rencores que matan.

Mollo n’a propia sangre a dura pruma

Rompendo a vena inchada,

Y escribo... escribo ¿para qué? ¡Volvede

Ô mais fondo da yalma

Tempestosas imaxes!

Ide á morar c’as mortas relembranzas;

Qu’ a man tembrosa n’o papel sô escriba

¡Palabras, e palabras, e palabras!

¿Da idea a forma inmaculada e pura

Donde quedou velada?

Explore with AITake your curiosity a little further.

Reading settings