← Table of contents
Cantares gallegos

XXIX

Reading edition

I

—Vente, rapasa,

Vente, meniña,

Vent’ á lavar

No pilón d’ á fontiña.

—

Vente, Minguiño,

Minguiño, vente,

Dóuche sinon

Pó-lo demo do dente.

—

¡Qu’ augua tan limpa!

¡Qué rica frescura!

Vent’ á lavar

Qu’ é un primor, criatura.

—

Válgame Dios,

Que si auguiña n’ houbera,

Lama este corpo

Mortal se volvera.

—

Vinde á lavarvos,

Andá lixeiriños,

A cara pirmeiro,

Dimpois os peïños.

—

¡Ay!, ¡qué meniña!

¡Qué nena preciosa!

Dempois de lavada

Parec’ unha rosa.

—

Y este meniño

Que teño no colo,

Dempois de lavado

Parec’ un repolo.

—

¡Ay!, ¡qué tan cuco!

¡Ay!, ¡qué santiño!

Ven ôs meus brazos

Dareich’ un biquiño.

—

¡Olliños de groria!

¡Cariña de meiga!

¡Apértame ben,

Coraçón de manteiga!

—

Corre, corre

A qu’ Antona te peite,

Corre, daráche

Unha cunca de leite.

—

Corre, corre

A teu pay, Mariquiña,

Que come cebola

Con pan e sardiña.

II

—¡Válgate Dios,

Qu’ inda os figos son duros!

¡Mais qué fartiña

En estando maduros!

—

Él e máis eu

Y á comadre d’ abaixo,

Hemos de ter

Qu’ alargar ó refaixo.

—

Rica figueira,

Que Dios te bendiga,

Qu’ ásme, abofé,

De fartar á barriga.

—

—¡Jey!, ó d’ os ovos

Que vás de camiño,

¿Cántas duciñas

Topache no niño?

—

—¡Unha no máis!

—¡No me teño c’ á risa!

Es’ ech’ un conto

Que vay par’ á misa.

—

Dam’ acá seis,

Qu’ un fricol che faría,

Qu’ ô mesmo rey

Qu’ envidiar lle daría.

—

Xa que non qués

No camiño che colla

Vento de vira,

C’ un saco de molla.

III

—Turra, turra,

¡Xan pó-la burra!

Mira que Pedro

A cadela ch’ apurra.

—

¡Ay!, desdichada

De min que á vexo,

Fincarch’ ó colmillo

No triste pelexo.

—

¡Diancre de Xan,

Que non corre nin tóa!

Ben haya, amén,

Quen os osos che roa.

—

¡Chúrras!, ¡chúrras!

¡Churriñas, chúrras!

Cas-qui-tó,

Qu’ escorrenta-las burras.

—

Pica, pica

Suriña, pica,

Léballe un gran

O teu fillo na bica.

—

Marcha can

A ladrar ô palleiro,

¡Seique ch’ agrada

O demoro do cheiro!

—

¡Baiche c’ o can,

Qu’ ó peixiño lle gusta!

Mais â teu dono

O diñeiro lle custa.

—

¡Gachi, gachi,

Que dencho de gato!

¡Cómo se farta

No prebe do prato!

—

¡Inda reventes,

Larpeiro rabudo!

¡Qu’ inda na gorxa

Ch’ aperten un nudo!

—

Truca, perico,

No gato rabelo

Hasta deixalo

Quedar sin un pelo

—

Qu’ eu, s’ outra vez

O camiño m’ atranca,

Ei de rompelle

No lombo unha tranca.

—

¡Malo d’ aquel

Que non sabe de misa,

Nin entra na igrexa

Nin gasta camisa!...

—

¡Ay!, ¡qué galiña

Saltou no valado;

Sey que quer vir

A comer de prestado!

—

Isca d’ ahí,

Galiña maldita,

Isca d’ ahí

Nô me mate-la pita.

—

Isca d’ ahí,

Galiña ladrona,

Isca d’ ahí

Pra câs tua dona.

Explore with AITake your curiosity a little further.

Reading settings